La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando falei aquí, haberá cousa de dous ou tres días, do conflito que enfronta a Alfredo Bryce Echenique cunha familia peruana que se sente inxustamente tratada nunha novela, un amigo recordoume o desgusto que tivo por un asunto semellante o escritor ourensán Julio V. Gimeno. Este home, que arruinou un premio de novela porque o gañnou nas catro primeiras veces que se deu, tiña unha tendencia irrefreable a provocar desgrazas. A pesar de todo, ou precisamente por iso, nunca deixou de ser un grande humorista.

Cando publicou a novela Jimmy, tu tío te espera, na que o protagonista é un norteamericano que responde polo nome de Jimmy Castiñeiras, apareceu un señor de Granada moi ofendido. Eu lin a carta e recomendeille a Gimeno que non lle fixese caso, entre outras cousas porque o querelante se chamaba Santiago Castiñeiras.

De resultas da correspondencia que o novelista mantivo con aquel home, a Gimeno xurdíronlle uns amores por carta cunha moza de Pueblo Nuevo del Terrible. Periodicamente,  informábame das súas incidencias, ata que fixo unha viaxe para coñecer a súa amada. Veu decepcionado, pero tardou moito tempo en explicar as razóns. Un día confesoume a verdade a través dun conto inspirado naquel episodio. Tanto no relato como na realidade, todo acabou porque a rapaza non tiña dentes. De comer caramelos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de 1997.