La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O mércores pola noite, xa de madrugada, púxenme a ver na televisión un dos últimos noticiarios para coñecer o que sucedera no mundo durante o día. Coma sempre, as noticias tiñan todas o mesmo sentido tráxico habitual: a guerra en Iugoslavia, a contaminación dos alimentos, os secuestros cotiáns en Colombia, o asasinato a tiros dun presentador en México, incluídas as imaxes macabras do rostro da vítima destrozado polas balas, e algunhas desgrazas máis de menor entidade. Estiven esperando por esa pequena noticia que os responsables destes programas introducen ao final, quizais para aliviar a tensión, pero non chegou.

A non ser que se entendese por tal unha breve reportaxe, lida pola presentadora en ton festivo, sobre un gordo americano que tomou a decisión radical de deixar a gordura. Na pantalla apareceu entón un home de cincocentos quilos de peso, incapaz de moverse polo propio pé, enchufado a un tubo de osíxeno e falando con dificultade. Só lle entendín que non quería vivir máis tempo no inferno no que vivía.

Púxenme a pensar na tarde que eu pasara, despois do traballo da xornada: unha visita á miña mazá, que estaba ben, uns paseos polo xardín, mirando aquí e alá, coa herba rebentando de verde, recén cortada, o arranxo dun par de cousiñas pequenas para mellorar o rego, a lectura dos periódicos, sentado nun sillón ao aire libre. Con máis ou menos comodidades, nun lugar ou noutro, estou seguro de que millóns de seres humanos no mundo enteiro foron tamén razoablemente felices, é dicir, que non tiveron ningunha desgraza e pasaron o día tranquilos, incluso preocupados, pero non amargados. A televisión, non sei por que, ignorounos completamente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xuño de 1999.