La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había na miña vila un home que presumía de malo, aínda que eu penso que non o era. Para manter a imaxe que quería transmitir de si mesmo, consciente ou inconscientemente, contaba horrores da súa vida e púñase de malvado, case de monstro demoníaco e sen entrañas. Por exemplo, dicía barbaridades dos seus pais, xa mortos, aos que situaba ardendo no inferno, o cal contrastaba coa fama que tiveran en vida ambos os dous de seren moi boa xente. Un barbeiro que coñecía mellor que ninguén a este afeccionado a ruín, aseguraba que se trataba dunha táctica premeditada, que lle permitía, entre outras cousas, non pagar a contribución ás festas, nin ir á misa, nin poñer a bandeira no balcón o día do Corpus.

Durante anos, eu recei por el, coa esperanza de que Deus lle perdoase os seus pecados e o trouxese ao camiño do ben. Para min, encomendalo nas miñas oracións de neno era como rezar polos chinitos, nome que daquela lle dabamos xenericamente a todos os infieis. Un día, non obstante, decateime de que a súa actitude debía ser falsa. Foi ao escoitarlle dicir unha frase fantástica: “Eu comíalle as vitaminas aos meus fillos cando eran pequenos”.

Algo parecido están facendo agora os australianos. A noite de Reis vin na televisión un programa sobre a campaña publicitaria que empezaron a insertar en periódicos de todo o  mundo. Seguindo esa peste que afecta aos países ricos, incluído este no que vivimos, consistente en rechazar emigrantes como quen rechaza unha praga, esta xente que habita nos antípodas asegura nos anuncios que en Australia se vive fatal: hai serpes velenosas, bandidos, enfermidades provocadas polo clima e toda clase de perigos que lle poden facer a vida ingrata a quen se atreva a instalarse alí. Eu, desde logo, non me aventuraría. Non por culpa dos animais e dos bandidos, senón por medo aos que foron capaces de montar unha campaña desas características. Seguro que lle comen as vitaminas aos nenos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xuño de 2001.