La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, nunha desas tertulias que hai na televisión, escoiteille dicir a un señor que Bibi Netanyahu, o recén elixido primeiro ministro de Israel, é un cretino. Supoño que o tertuliano simplemente quería dicir que o político israelí non lle cae simpático. A min tampouco me gusta, pero todos cantos o tratan están de acordo en recoñecerlle unha gran capacidade intelectual. É un devoto lector de Kant, por exemplo, e como alumno do célebre Instituto de Tecnoloxía de Massachussets deixou fama de intelixente e aplicado.

Os problemas de Netanyahu son doutro tipo. Todo o mundo sabe que se pirra polas mulleres e que estivo a punto de arruinar a súa carreira política cando admitiu publicamente que fora infiel. Tamén se conta del que entende a política como espectáculo televisivo ou que sente unha xenreira enfermiza contra os palestinos.

Dixo moitas veces que el nunca lle daría a man a Arafat, a quen considera responsable da morte do seu irmán Yoni, un heroe nacional, convertido en mito polos xudeus, a quen estes lle dedicaron rúas, prazas, estatuas, escolas, libros, cando non bautizaron aos seus fillos co nome daquel rapaz. Eu non dubido que Netanyahu lle acabará dando a man a Arafat, sobre todo se llo piden os americanos. Ese día alguén usará contra el o cadáver do seu irmán, un motivo para dimitir, pero seguro que non dimitirá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xuño de 1996.