La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai pouco tempo aínda, con ocasión dunha viaxe a Chile da que falei aquí con certo detalle, puiden comprobar directamente o desprezo que moitos chilenos, incluídas xentes de dereitas, senten polo xeneral Pinochet. Escuso dicir que me sentín confortado por ese sentimento de rechazo. Non hai outro ditador neste século que encarne mellor a estulticia humana, a ignorancia e a brutalidade deste personaxe ridículo e tenebroso. O seu gran mérito consistiu en botar o exército enteiro contra un pobo indefenso e desarmado.

Agora, este soldado paparrapaces, vencedor aguerrido dos mineiros, os limpabotas e os habitantes das barriadas máis pobres do país, acaba de sacar unha vez máis as tropas á rúa para meter medo. Iso quere dicir que está asustado. O seu fillo, empapelado polos tribunais de xustiza a causa dun lío de cheques que asinou con fondos do exército, pode acabar na cadea se papá non o remedia.

A semana pasada estiven ceando na embaixada de Chile en Madrid, invitado polo embaixador daquel país, un home culto e intelixente. Cando faciamos tertulia no salón á hora do café, acordeime do fantoche e pensei que alí mesmo estivera sentado cando veu ao enterro de Franco e lle aconsellaron que se fose canto antes, a fin de que non coincidise cos dignatarios europeos que ían asistir á cerimonia da coroación do Rei. Pareceume que a humillación e a rabia que debeu sentir polo desprezo, aínda non desaparecera daquel cuarto. Un gozo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de maio de 1993.