La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha viaxe recente a Xinzo de Limia estiven co meu amigo Antonio Rodríguez, a quen non vía desde hai tempo. Dixen amigo, porque é certo, pero tamén debería dicir profesor, porque eu fun alumno seu nos meus primeiros anos de bacharelato. O outro día, mentres subiamos as escaleiras da biblioteca municipal, funlle recitando de memoria unha clasificación que aprendín con el e que aínda recordo: “Gusanos, moluscos, equinodermos, artrópodos y cordados”. Era un magnífico pedagogo, intelixente e boa persoa, que nos facía estudar, non pola forza, senón porque nos daba unha vergonza infinita causarlle o desgusto de non saber a lección.

Eu fíxenme amigo del na biblioteca, que dirixía entón. Entre os dous, que eramos practicamente os únicos usuarios, xunto cun señor que ía aprender inglés con discos, faciamos os pedidos de libros novos. As peticións tiñan todas un tinte tan rechamante, que un día, a responsable provincial presentouse alí a ver que pasaba, por que desde Xinzo se pedían libros tan raros.

A primeira sorpresa que levou aquela señora foi que na biblioteca non estaban na parede os retratos de Franco e José Antonio, como era preceptivo. O bibliotecario deulle non sei que explicación e logo púxose a buscalos entre os trastos vellos, pero non aparecían. Xa un pouco nerviosa, a señora dixo que había que resolver aquilo. Entón, Antonio suxeriulle que provisionalmente se podía solucionar o problema pegando un selo dunha peseta na parede. Nese momento, ela deu media volta, estilo sarxento, e saíu da biblioteca a toda présa. Non é que fose indignada, como lle correspondía; simplemente é que non aguantaba a risa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de maio de 1998.