La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Armenia, un campesiño asegura que lle naceu unha árbore de ouro nunha leira que ten preto da casa. De momento, como se nega a aceptar unha inspección na propidade, non hai outra proba do fenómeno que a palabra do home. O máis interesante é que a árbore citada dá froito, unhas boliñas pequenas, parecidas a bombillas de lanterna, que o señor denomina gryshas. Non obstante, parece ser que ese é o nome das peras en ruso. Unha novidade, pois ata agora, en froitas de ouro, non se coñecían máis que mazás e uvas.

Unha princesa de Portugal, que recibiu do seu prometido, un duque de Saboia, riquezas incalculables, correspondeulle con algunhas rarezas, para disimular a base de extravagancia a pobreza na que vivía a familia real: doce negros, un deles loiro; un gato de algalia e unha maceira de ouro purísimo, cultivada naturalmente.

Aínda hoxe, no Museo Nacional de Budapest, consérvase a célebre Caixa Tokay, na que se garda o precioso racimo que no seu día lle foi regalado polo cabaleiro Karol Batthyány á emperatriz María Tereixa. Casos similares déronse ao longo da historia, sempre con uvas e mazás polo medio, como xa dixemos. Pero disto das peras, que eu saiba, non existen precedentes. Esta é a razón que me leva a pensar que o campesiño armenio pode non dicir a verdade. Con todo, nada se perde con agardar ata que as cousas se aclaren.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de maio de 1995.