La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A un dos irmáns Quesada, dos que falei onte aquí, débolle eu o feito de ter moi mala reputación, probablemente, entre un grupo de rapazas de maxisterio das que non sei nada máis que un día me chamaron por teléfono para mantermos unha entrevista destinada a facer un traballo sobre un libro meu. Para non obrigalas a viaxar de Ourense a Vigo, pois eran estudantes e non dispuñan de vehí- culo propio, suxerinlles que nos vísemos na cidade delas, dado que eu tiña que ir alá por causa de participar nunha homenaxe a un amigo. Quedamos en que me chamarían, á hora de comer, ao restaurante onde se ía celebrar o xantar ao cal eu tiña que asistir.

Cando estabamos comendo, un dos camareiros dixo en voz alta que chamaban por teléfono a don Carlos Quesada e pasoulle un aparato para que falase desde o seu asento. Como estaba ao meu lado, escoitei parte das súas palabras, que máis ou menos eran así: “¿De maneira que me queres coñecer, guapa? ¡Que marabilla! Pois eu encantado, que tes unha voz preciosa”. E así, durante varios minutos.

Nese instante, cando ía colgar, eu tiven o convencemento de que aquela chamada era para min e que o camareiro confundira dous nomes, o meu e o de Carlos Quesada, que por teléfono poden soar dun xeito bastante parecido. Esa certeza confirmouma o propio Carlos ao explicarme que fora unha moza que lle dixera algo así como: “A ver cando nos vemos, que quedei en verme contigo”. A partir dese malentendido, o resto da conversa non é difícil de imaxinar, andando ademais polo medio un home con tanto sentido do humor como o maior dos Quesada. O caso é que as mozas non me chamaron nunca máis. ¿Que pensarían de min?

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de maio de 1999.