La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falando de bichos feos, onte esquecinme de citar as arañas. Un día, cando eu era rapaz, mentres estabamos rezando o rosario en familia na cociña da casa de Beiro, alguén que seguía o rezo debaixo da campá de pedra da lareira pegou un berro estarrecedor. Deseguida, antes de que eu me puidese repoñer do susto, escoitei pronunciar con voz de medo unha palabra que nunca antes oíra dicir: tarántula. O bicho, que caera dentro da cheminea, era unha cousa negra e peluda, cunha cruz nas costas, segundo me explicaron.

Foi entón cando souben que a tal araña causaba unha enfermidade de nome gracioso: o baile de San Vito. Mesmo souben daquela que o tembleque que afectaba a un veciño da aldea, o Pepe do Santos, tiña esa procedencia. Nunca antes me fixara, pero a primeira vez que o vin despois observeino con atención.

Se non fose porque acababa de asociar aquel temblor co bicho caído do alto da lareira, máis que dunha enfermidade, eu pensaría que se trataba dunha manía nerviosa. Por riba, o Pepe era un home sorrinte e feliz, a pesar do pasmo e dunha coxeira que o obrigaba a andar case de xeonllos. Ademais, a palabra tarántula tiña para min unha resonancia musical e simpática, que non evocaba de ningunha maneira a maldade que lle atribuían. Se ben se mira, a ruindade, que adoita ser intelixente, case nunca se viste de feo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de maio de 1995.