La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá estiven chateando cos lectores da versión dixital deste periódico. A palabra non me gusta nada, pois parécese moito a tomar chatos. De maneira que será mellor dicir “dialogar a través do ordenador”, aínda que tampouco sexa esta unha expresión completamente feliz. O importante é que se tratou dunha experiencia agradable. O peor, pensar que unha conversa particular poida chegar a ter certa transcendencia. Paréceme tan desmesurado coma se o que dicimos á hora do café acabase recollido nos periódicos.

Ao remate da sesión, cando lin as preguntas que me fixeron e as respostas que dei, decateime de que habería que matizar as cousas. Non obstante, dixen o que penso e o que creo. Un non debe renunciar nunca á liberdade.

Despois do coloquio, marchei ao campo, á casa duns amigos. Paseando por entre prados e leiras, cruceime con moitas persoas. Todas daban as boas tardes, incluídos os nenos. Chamoume a atención que se conserve este bo costume de antes. Vai ser moi necesario no novo mundo que estamos creando, onde se fala con xente sen rostro, como me pasou a min onte pola mañá. As caras, aínda que non se vexan, séntense. Lástima que non se poida ser como aquel marabilloso personaxe dunha novela de Heinrich Böll, que cheiraba os alentos por teléfono.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de maio de 2001.