La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai agora un ano, escribín aquí sobre a historia dunha nai danesa a quen un xuíz americano pretendía quitar a custodia da súa filla. A razón foi porque a citada señora, seguindo un costume moi estendido no seu país, deixou a nena, durmindo no coche de bebé, á porta do restaurante, mentres ela comía dentro co seu home. A ningunha muller escandinava lle pasaría pola cabeza meter un pe queno desa idade nun lugar cheo de fume e de ruído. Por fortuna, os tribunais de xustiza acaban de darlle a razón, en parte porque pouco despois daquel suceso, Hillary Clinton, de regreso dunha viaxe a Copenhague, se fixo eco positivamente daquel costume.

Se o citado xuíz dese unha volta por Escandinavia, quedaría asombrado de ver, en pleno inverno, os coches dos nenos nos xardíns, respirando o aire libre e beneficiándose dunha práctica recomendada polos médicos e seguida pola maioría da poboación. A non ser que pensase, como o matrimonio que acolleu un fillo meu nos Estados Unidos, que os suecos eran xente pervertida. Con todo, o incidente ten algo de positivo: a preocupación demostrada polo maxistrado americano respecto dos dereitos dos nenos.

Agora ben, para quen se teña paseado por Nova York, máis alá da asepsia cosmopolita do centro de Manhattan, internándose nos barrios do norte da cidade, non deixará de sorprendelo que o celo da xustiza non se aplique, sen facer o ridículo, aos miles de rapaciños negros que pululan, escarbando aquí e acolá, nas inmensas esterqueiras do Bronx ou de Harlem. Seguro que salvarían non poucas vidas e evitarían de paso que moitos deses nenos, cando sexan grandes, acaben onde todos sabemos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de maio de 1998.