La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Salamanca, nunha viaxe de ida por volta, para dar unha conferencia sobre Gonzalo Torrente Ballester, enmarcada nun ciclo que lle dedican estes días con motivo da Feira do Libro. O tema que me pediron foi o das tertulias de Baiona, é dicir, as reunións que mantiñamos nun café desta vila nas mañás dos veráns, un costume que se repetía cada ano ao chegar o mes de xullo, como teño contado aquí tantas veces, e que durou arredor de vinte. Confeso que falei algo nervioso, eu que son bastante tranquilo para estes mesteres, porque tiña na primeira fila a Fernanda, a súa muller, que como resulta fácil de entender, é quen máis cousas sabe del.

Por certo que, despois da charla, ela mesma nos invitou a cear na súa casa, onde os convidados falamos agradablemente durante varias horas. Fíxome raro estar sentado naquel salón por primeira vez sen a presenza de Gonzalo, el que enchía todo coa súa presenza, a miúdo silenciosa e sempre discreta. Estaba, non obstante, en fotografías, nunha figura de barro e na súa colección de potas de té.

Naturalmente, recordámolo moito. Unha vez máis experimentei un sentimento que me sorprendeu o mesmo día do seu enterro: a ausencia do amigo non me produce tristeza, senón nostalxia. Supoño que é debido a que, nas conversas que lle dedicamos á morte, sempre me falou dela con serenidade. Adoitaba dicir: “Estou preparado”. Por outra parte, teño a impresión de que nos últimos anos da súa vida foi razoablemente feliz e que dos tempos malos non lle quedaban nin resentimento nin amargor. Por iso se foi tranquilo, aínda sabendo que lle faltaban por escribir uns poucos folios para rematar a novela que traía entre mans. E tiña dereito a protestar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de maio de 1999.