La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un político inglés, Roy Hattersley, gordo de dobre papo, cara feliz e sorriso fácil, que pasará á historia pequena do Reino Unido porque indirectamente foi o responsable da introdución no seu país desa cousa que nos Estados Unidos chaman a linguaxe da corrección política. Un periodista inglés que enviou un artigo sobre o citado político a un periódico de Nova York, no que o describía como gordo, contou que esta palabra lle fora corrixida e substituída no texto por unha expesión que incluía a palabra nutrición.

Foi así como se importou a moda americana. Desde entón fixéronse numerosos cambios lingüísticos, incluídos os himnos da igrexa e as cancións populares infantís, como aquela que falaba dunha ovelliña negra, transformada agora nunha ovella verde. Por suposto, dun político ben nutrido non se debe dicir que está gordo.

Esta renovación leva dado orixe en España a varios comentarios humorísticos, que consideran o asunto como a última manía estrafalaria dunha sociedade composta por puritanos hipócritas e remilgados. É probable que teñan algo de razón. Non obstante, a min gustaríame que o noso país perdese parte da súa ruda franqueza e se achegase un pouco, polo menos nestas cuestións da linguaxe, á hipocresía británica. Dígoo porque acabo de escoitar na radio como alguén lle chamou mamón ao Fiscal Xeral do Estado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de maio de 1994.