La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A desaparición de Juan Ramón Masoliver, a quen evoquei no artigo de onte, tróuxome tantos recordos que non me resultou fácil pensar noutra cousa durante todo o día. Xa dixen que era un señor raro, algo estrafalario, pero intelixente, divertido e boa persoa. En Rusia descubrín a súa sensibilidade relixiosa, o cal non deixou de sorprenderme, pois non me casaba cunha personalidade tan irónica e corrosiva, mesmo irreverente con case todo. Ata entón, eu sempre o tivera por un auténtico volteriano.

En Rusia decateime de que estaba equivocado. Entraba en canta igrexa atopaba aberta, que non eran moitas, e púñase a rezar cunha fe e un recollemento que contrastaban coa súa actitude iconoclasta de crítico feroz. A final, os soviéticos xa nos programaban visitas a templos antigos, momias, popes e incluso un seminario.

Grazas a esta circunstancia, eu tiven a sorte de coñecer a cidade de Zagorsk, coa catedral da Trindade, que ten o iconostasio máis fermoso de toda Rusia, e as tumbas de San Serxio e de Boris Godunov. Masoliver rezou en todas as igrexas e as capelas e mesmo se puxo nunha cola, entre dous militares, para darlle un bico a unha cruz que mantiña nas mans un pope inmenso. Pouco despois, diante dos restos de San Serxio, ao acabar unha oración, dixo unha gansada sobre o santo absolutamente xenial, pero irreproducible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de maio de 1997.