La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, todo o mundo pregunta por Ánxel Fole, de maneira que hai que andar de radio en radio respondendo á curiosidade dos demais. Nestas circunstancias acórdome dun día que escoitei un mitin político tres veces, no que participaban sempre os mesmos oradores, pero en tres localidades diferentes. Chamoume a atención que dicían as mesmas cousas en todos os sitios, incluídos os chistes. Nun primeiro momento non me gustou, ata o punto de que me pareceu un trazo de cinismo ou algo semellante.

Pasado algún tempo, decateime de que as persoas que andamos falando en público de cousas que non teñen que ver coa política cometemos idéntico pecado. De xeito que as conferencias que damos nun lugar acaban sendo intercambiables con outras que pronunciamos xa e con algunhas que pronunciaremos aínda.

É o que me sucedeu onte con Fole. Falei en tres emisoras de radio sobre o escritor e acabei contando as mesmas historias. Non contei, non obstante, que a última vez que estiven con el foi en Padrón, durante unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na misa, con aquel aire seu de despiste infinito, preguntoume dez ou doce veces por que Isaac Díaz Pardo levaba paraugas. Logo limitouse a dicir en voz alta unhas quince veces máis: “¡Que mal anda o mundo!” A verdade é que sen xente como Fole o mundo anda un pouco peor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de maio de 1997.