La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo ben da historia, pero sei que trataba dun sancristán ou criado dun bispo, que ademais facía de barbeiro de Ilustrísima. O caso é que o tal individuo utilizaba unha crema de afeitar, penso que traída de Barcelona, que tiña a particularidade de adormecer os clientes, de maneira que cada vez que procedía a rasurarlle as barbas ao prelado, este quedaba  completamente durmido e púñase a roncar mentres lle facían a faena. Ese era o momento que aproveitaba o barbeiro para burlarse del.

Unha vez, fose porque a crema non fixo o efecto que se agardaba ou por calquera outra razón, o caso foi que o bispo espertou antes de tempo e atopou o sancristán diante del, dándolle as costas e erguendo a parte de atrás da chaqueta nun xesto soez. A indignación do burlado foi tan grande que se botou ao outro con furia asasina.

Conta Cunqueiro, autor literario desta historia, que se o golfo non chega a saír correndo, a aquelas horas habería que lamentar o primeiro caso dunha morte de sancristán feita por mans dun bispo. Ignoro se o suceso que contaron onte os periódicos dese monseñor italiano que tumbou dunha puñada a un cura no despacho episcopal, será o primeiro do xénero. Parece que lle deixou o nariz feito un repolo e que o crego o levou ao xulgado. Debía agardar: dunha puñada de bispo só se debía xuzgar o día do Xuízo Universal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de abril de 1997.