La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos publican estes días algúns datos da biografía de David Koresh, o toliño americano que acaba de arrastrar ao inferno dunha morte terrible a preto dun cento dos seus seguidores. Polo visto, foi un estudante desastroso, incapaz de rematar os seus estudos de bacharelato; fracasou no intento de converterse en cantante de rock e andou a tiros cun compañeiro que lle disputaba a dirección espiritual da secta. Como se ve, unha vida bastante mediocre que non permitía imaxinar o final épico e grandioso no que rematou.

Nalgunhas crónicas, non obstante, fálase do talento que tiña este home para embelecar as súas vítimas. Dise que era dono dun verbo arroiador e que exercía tal fascinación sobre os seus adeptos que os chegou a convencer de que lle prestasen as mulleres para deitarse con elas e que lle permitisen emborracharse de cervexa mentres predicaba para os demais castidade e abstinencia.

Resulta dificíl pensar que Koresh tivese talento para ningunha cousa, a non ser para a simulación. Polo tanto, ao enfoque hai que cambiarlle a perspectiva. Con seguridade, a sedución non dependeu tanto da intelixencia do sedutor como da miseria intelectual e moral dos seducidos. Deste xeito, evitamos a mitificación frívola dun idiota e colocamos en primeiro lugar a verdade profunda do suceso: hai tanta soidade e desesperación nalgunha xente que ata un débil mental é capaz de montar a custa dela un pequeno imperio no nome do espírito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de abril de 1993.