La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A semana pasada falei aquí das árbores froiteiras da casa e do moito que padeceran eses días de aí atrás, por culpa das tormentas, que viñeron con moita auga e pedra gorda, abundante. Supoño que se me fixeron mal a min, que non teño máis que unha pavieira, unha mazaira e algunha que outra mostra para entreterme, aos que se dedican en serio ao cultivo da froita debeulles crear problemas graves, quizais sen solución. Se me guío polo que aseguran os paisanos da miña aldea, a desfeita non foi pequena.

O domingo pola tarde, nunha escampada, fun dar unha volta para comprobar, unha vez máis, como estaba todo. Naturalmente, un pouco peor, pois o tempo segue revolto, sen acougar. Collín unha folla dunha das árbores e fun mirar nun libro que trae fotos de pestes e estropicios, por ver se sacaba algunha cousa de proveito.

Cando estaba facendo a consulta, viñéronme ganas de rir. Esta necesidade de ver o mundo polos libros non deixa de ser un disparate, igual que dar un bico a través dun cristal. Nese momento vin nun campo próximo a Pepe, un labrador veciño, e baixei coa folla, a ver se el sabía de que se trataba. Tomouna nas mans, deulle varias voltas e soltou unha sentenza: “Hai que darlle tempo”. Non entendín o significado daquelas palabras, aínda que supoño que algo quererían dicir. Faría falta unha biblioteca enteira para descifralas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de abril de 1998.