Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Un can

18 de abril de 2017 a las 0:18

Como teño contado aquí ás veces, polas tardes adoito dar un paseo polo monte, sempre que mo permiten outras obrigas menos importantes que esta, pero máis difíciles de eludir. Con frecuencia levo un libro, por se me apetece ler mentres camiño, habelencia que domino sen esforzo, incluso se teño que subir ou baixar escaleiras, e que practiquei incluso polas rúas de Nova York. Cando era rapaz e o meu pai me sorprendía en semellantes prácticas, adoitaba dicirme: “A xente acabará tomándote por tolo”. Non mo soltaba como reproche, pois era home comprensivo, senón como quen constata unha evidencia que non necesita argumentación.

Aquí, na aldea, cando paso lendo polos camiños, dáme a impresión de que a ninguén lle parece mal e que tampouco me miran como se fose tolo, quizais só con algo de pena por non lle dar descanso á cabeza. Os que non me soportan, en cambio, son os cans. Teño localizado a uns doce que me ladran e que me comerían se puidesen, sobre todo un. Normalmente, non lles fago caso, pero onte, por divertirme un pouco, ao máis malo de todos, que non é grande, loxicamente, senón unha especie de sardiña pelada cunha mancha branca dividíndolle a cabeza negra en dúas metades, pareime a miralo con cara de home feroz, a ver que facía. Calou inmediatamente.

Cando din volta para seguir o camiño, púxose a ladrar outra vez coa furia endiañada que usa sempre, e de novo me volvín para miralo. Estivemos así algún tempo, máis que nada porque me resultaba sorprendente ese poder meu, que ignoraba. Porque teño que descartar que a causa fose o libro espantosamente malo que ía lendo nese intre que asustara o can. Probarei cun libro mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de abril de 2000.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario