La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, en Bolonia, vin un pobre que pedía limosna en varios idiomas. Quero dicir que levaba un cartel no que proclamaba que tiña fame en italiano, inglés, francés e alemán. Era un home duns corenta anos, alto e delgado, cunha mancha negra na parte dereita do rostro. Polo aspecto, podía ser un funcionario, un profesional ou un empresario, pois ía correctamente aseado e vestido. Estaba de pé, non tirado contra unha parede nin estomballado, coa cartolina da súa demanda sostida na man á altura do peito.

A poucos pasos del, debaixo dos soportais da Vía da Independencia, que é o centro comercial da cidade, por onde pasa a xente que vai de compras, había outros pobres. Un deles atopábase sentado no chan, dándolle de comer xamón a un can con aspecto pouco lucido. Tiña unha caixa de cartón para recoller as moedas.

Fixeime no que sucedía. En xeral, a xente pasaba por diante dos pobres sen facerlles caso. Só algunha alma caritativa, case sempre disfrazada de dama venerable, paraba ás veces para deixar caer algo de diñeiro na caixa do mendiño. Non vin a ninguén, en cambio, que lle dera nada ao outro: tiña demasiado bo aspecto. Como en Bolonia existe un Centro para Pobres Vergonzantes, supoño que a aquel señor sempre lle quedaría aquel recurso.  Ou perder a vergonza definitivamente e vestirse de miserable.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de abril de 1997.