La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das primeiras veces que fun ao circo, cando era neno, acudín emocionado e nervioso por ver dous números que anunciaran o día antes, dando berros nas rúas e tocando unha trompeta, dous gordos vestidos de pallasos. Tratábase dun circo pobre, cun nome pouco prometedor, polo menos se un o compa raba cos clásicos Circo Ruso e Circo Americano. Chamábase Isabel y Fernando e pola fala e o acento dos seus artistas e empregados, non procedía da estepa nin das grandes chairas, senón dalgún lugar de Andalucía.

Os dous números anunciados eran os cabalos ananos de Mongolia e as pulgas trapecistas de Venecia. Empezada a función, os cabalos parecéronme preciosos, mentres que, arredor de min, a xente ría sen piedade e dicía que se trataba de cans disfrazados. A verdade é que eu escoitei algún ladrido, pero non dubidei.

Tocante ás pulgas, á distancia na que eu me atopaba non conseguía velas, pero vía moi ben as mans do domador seguindo os seus movementos. Alguén me dixo ao día seguinte que non había pulgas: soamente os xestos daquel home. Agora leo  nos periódicos que en Nova York está actuando estes días un circo con pulgas de verdade, amestradas. Dubido que traballen mellor que aquelas que eu contemplei de neno. Nos circos pobres, como dixo Gómez de la Serna, os gatos fan de tigres e os burros de cabalos. E todo vai ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de abril de 1998.