La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ver unha donicela. Estaba no alto do muro dos frades, ao pé deuna mazaira, mirando xusto para min, como se me desafiase cos ollos. Foi unha visión breve, que durou apenas uns segundos, pero que me produciu  unha certa inquietude. De neno oín contar cousas terribles deste pequeno animal. Por exemplo, que lle podía quitar a voz aos cans. Tamén se dicía que o seu alento era malo para a saúde da xente. os efectos nocivos da súa mordedura fala moito claramente o noso refraneiro: «Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañá che darán terra».

O curioso é que este bicho que ten tan mala fama, ten en cambio uns nomes preciosos. En galego, por exemplo, ademais de donicela chámase doniñoa, denosiña, dolosiña, garridiña e outros semellantes, todos cariñosos. En castelán chámanlle sobre todo comadreja, pero tamén donecilla e mostolilla. Para os vascos é andereder,que polo visto significa «señora bonita», parecido ao que ocorre co nome francñes belette ou o italiano donnola. Noutras linguas coñécese por nomes que se refiren a relacións familiares de parentela. Como nora, moza, cuñada ou comadre.

Segundo contan os antropólogos, esto de nomear cunha palabra bonita a un animal que se considera perigoso, traduce o desexo inconsciente de facerse amigo del. É como se dese xeito se anulase a súa capacidade de facer mal. Os nosos paisanos pensan, incluso, que cando unha doniña pasa por un camiño e se di en voz alta o seu nome para que ela oia, que se pon toda contenta e que se move como unha rapaza presumida. A verdade é que esta que eu vin no alto do muro pareceuma, cando se foi, que movía o rabo e as cadeiras cunha certa desvergonza provocadora.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de abril de 1985.