La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá estiven na Coruña para participar nos actos organizados por Intermón baixo o lema de “Un día para a esperanza”. No manifesto que me pediron que lese dábanse datos tremendos sobre o ensino no Terceiro Mundo: cos gastos que se empregan na fabricación e adquisición de armas durante uns poucos días de cada ano sería dabondo para resolver ese grave problema que teñen os países pobres. Cando estaba lendo o texto que me entregaron, pola cabeza pasáronme algunhas lembranzas relacionadas co obxecto que nos congregaba alí aos que acudimos á cita da esperanza. Non eran lembranzas de feitos chamativos, pero si moi importantes.

O primeiro recordo ten que ver con Suecia e o escándalo nacional que se montou alá polos anos sesenta cando no norte do país, nunha aldea remota, atoparon a un analfabeto. Foi noticia a moitas columnas en todos os periódicos, o cal a min me sorprendeu, pero ao revés, porque daquela, en España, o analfabetismo aínda era unha lacra social.

A segunda lembranza foi unha conversa que tiven, aínda hai pouco, cun amigo que estivo de embaixador durante anos nun país africano. Falando con el do ensino naquela terra, díxome que mellorara notablemente desde que el chegara, pois as autoridades crearan naquel período moitas escolas. No transcurso da conversa decateime de que unha escola alí non pasaba de ser un mestre e uns nenos ao aire libre, aprendendo a ler e a escribir debaixo dunha árbore. Non estamos tratando, xa que logo, de ningún proxecto imposible, senón de algo tan simple como que os nenos poidan aprender, aínda que sexa no medio do campo. Non é un soño irrealizable, senón unha fermosa esperanza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de abril de 2000.