La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A feira do libro de Bolonia xunta todos os anos nesta fermosa cidade italiana milleiros de persoas de todo o mundo, que se reúnen nun recinto inmenso, no que é necesario andar moitos quilómetros para ver só unha pequena parte dos libros expostos. Trátase, polo tanto, dun universo. O mesmo se pode bater cun grupo de iranianos que fan as súas oracións postos de xeonllos nun dos corredores, mentres a xente pasa ao lado deles indiferente, que observar como este ano, as casetas de España e Canadá están fronte por fronte.

Esta feira non é para o público, senón para profesionais, o cal quere dicir que os libros non se poden comprar, senón que se exhiben, naturalmente coa intención de vender os seus dereitos de edición e tradución para outras linguas. Quen máis vende, como é lóxico, son os ricos; e quen compra, por suposto, son os pobres.

Como hai libros moi fermosos, a tentación de levalos materialmente é moi grande. De maneira que se rouba moito. Onte mesmo, nunha coñecida editorial francesa na que se expuñan un grupo de guías preciosas das grandes cidades do mundo, sorprendín un grupo de tres persoas facendo estragos.Levaban unhas bolsas de plástico e cunha habilidade de auténticos profesionais, arrapañaban o que podían. Non me estraña  entón, como descubrín máis tarde, que nunha caseta italiana tivesen os libros atados con cordas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de abril de 1995.