La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí da mentira dun escritor e dixen que me importaba tan pouco como as trampas que fan os ilusionistas. Xa teño dito outras veces que hai mentirosos magníficos e que en Galicia non faltan. En Ourense, por exemplo, había un que chegou a dicir sen reparos que tiña unha estatua dedicada nun parque dos Estados Unidos como agradecemento por salvar un neno das fauces dun cocodrilo. Eu oínlle contar a acción heroica que o inmortalizou e era un prodixio de sabedoría narrativa, un relato maxistral.

Este mesmo mentiroso, en Venezuela, un país no que todo o mundo sabía que nunca estivera, pasou dous días loitando cunha serpe enorme, gorda como un boi e longa como un sedeño. A loita, narrada como unha novela de aventuras, incluía a forza física, un espello, un anano, unha formiga benefactora e un can xigantesco.

A formiga tiña incluso nome de especie: era unha pastifusa. Son estas, segundo o citado narrador, uns animaliños intelixentes e bondadosos, inimigos naturais das serpes, ás que vencen a base de facerlles cóxegas na barriga. Por suposto, ese foi un dato fundamental naquela aventura. O que nunca cheguei a entender foi o papel do anano, que nunhas versións aparecía vestido de cura e noutras convertíase nun señor importante, dono de media selva. Tanto ten. Como dicía un político galego, a verdade é moi aburrida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de abril de 1997.