La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo pídeme que fale de Salazar, agora que se me ocorreu contar cousas dos dictadores deste século. Pouco sei, sen embargo, do personaxe, que sempre me pareceu un alma triste, peachado na soedade inhumana do seu pazo lisboeta, alleo a canto puidera recordar o sabor reloucante da vida e das paixóns, incluídos os cartos, que xamáis manexou. Triste destino o dun home que nunca botou a man á carteira para pagarlle o café a un amigo ou que nunca soubo da alegría sinxela de entrar nunha tenda para mercar un disco, un libro ou un xelado de chocolate! Desde logo, non se pode querer peor mal que este para un ser humano.

Del dixo o escritor Miguel Torga, a quen perseguíu e encarcerou, que viviu nunha frialdade consciente, envolto nunha redoma de severidade xelada, sempre a meter medo. Triste destino este de ser sacaúntos, facendo eternamente de home do saco, espantando á xente polas rúas, ameazando a través das ventás! Solteiro e todo, sen fillos nin netos, canto mellor estaría aquel home traballando de ilustre profesor de Coimbra, saudao con respecto polos seus viciños, eses seres candorosos e civilizados que aínda hoxe quitan o sombreiro e fan unha elegante inclinación  cada vez que escoitan dicir a palabra doutor!

El preferiu a soedade estéril alá nas alturas do seu  Pazo de San Bento, polos corredores do cal nunca xogou un meniño. Pechado como un frade, apenas comía, durmía pouco e carecía de calefacción. Gustábanlle, a pesar de todo, as aas de polo ben grelladas, unha debilidade gastronómica que non casa coa austeridade monacal que se impuco como forma de vida. Bebía auga ou leite, nunca viño. De postres, pasaba. Hai, sen embargo, un feito que oredime en parte da ascese tenebrosa que practicou con irritante monotonía: António Vaz, compañeiro dos nos mozos, di que un día lle veu lamber con fruición de neno o azucre que arrabañaba do fondo dunha taza de café.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de abril de 1992.