La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando contei aquí a historia dun señor que me saudou na rúa e ao cal eu non coñecía de nada, acordeime dun artista catalán que un día foi saudado de maneira parecida por unha señora que se declarou admiradora del. Confesoulle que lle encantaban os seus cadros, pero que sobre todo estaba rendida pola súa personalidade, descuberta un día nun programa de televisión, cando tivo a ocasión de comprobar que ademais de pintar ben, era un home agradable, simpático e moi cortés; un cabaleiro.

Un pouco abrumado polos eloxios daquela muller, o artista tratou de desviar a conversa cara a asuntos neutros. Aínda así non tardou en decatarse de que a admiradora incondicional o estaba confundindo con outro, exactamente cun pintor inimigo a morte, a quen aborrecía ata o extremo de desexarlle toda clase de desgrazas.

Entón, en vez de sacala do erro no que estaba, o interpelado decidiu perpretar unha vinganza. Ou sexa, que se fixo pasar polo outro. De xeito que lle dixo á señora que podían aproveitar a ocasión para ir a un hoteliño que había alí perto, barato pero moi limpo. Horrorizada, a admiradora respondeulle con indignación e con furia. Como resposta recibiu un empuxón e un insulto pronunciado en voz alta e repetido mentres o malvado se retiraba a paso lixeiro: “¡Zorra!” O interfecto confesoume que fora o día máis feliz da súa vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de abril de 1998.