La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo xaponés relagoume onte un xoguete que se chama ken dama, moi popular entre os nenos do seu país. Trátase dunha especie de pequeno martelo de madeira, en forma de cruz, pintado de colores, que leva enganchada por un fío longo unha bóla encarnada cun buraco no medio. O xogo consiste en encravar a bóla na punta da cruceta. Non resulta fácil. Parece que os rapaces xaponeses, dotados de grandes doses de paciencia, practicando durante horas nas súas casas, acaban sendo auténticos expertos.

Xa lle dediquei algún tempo ao novo xoguete, aínda que sen resultados apreciables. En realidade, non conseguín acertar unha soa vez e teño serias dúbidas sobre a miña capacidade para facelo. Por outra parte, mentres o estaba intentando, veume á cabeza o enfado do meu pai unha vez que me atopou xogando cun ioió.

A cousa sucedeu cando eu xa tiña vinte anos, un día que me deu por andar practicando sen parar pola casa adiante. Canso de verme perdendo o tempo nunha actividade tan pouco seria, díxome que xa estaba ben de estupideces. Non me gustou, máis que nada porque el tiña razón. De maneira que onte mesmo, un sentimento de vergonza me levou a deixar o xoguete. Por pouco tempo, porque o meu amigo me dixo que nalgunhas universidades xaponesas admiten como exame de acceso a práctica do ken dama.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de marzo de 1995.