La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola noite, como saín de Berlín con dúas horas de atraso, ao chegar a Barajas pasadas as doce, perdín o enlace con Galicia. Entón foi o caos. Centos de persoas empuxando diante dun mostrador sen que o policía presente botase unha man para organizar unha cola, mentres arredor se escoitaba unha algarabía de insultos, maldicións e ameazas. Unha señora italiana, confrontada cun piloto, home pequeno e barbudo, foi advertida por este a berros: “¡Si me tocas, te doy!” Indignado, un italiano inmenso saíu en defensa da señora, pero foi agarrado polos compañeiros. De xeito que se limitou a insultar o piloto, ao cal lle chamou “coglione” e “buffone”.

O insultado, consciente da inferioridade física, demasiado evidente, retirouse con dignidade, pero perseguido polas palabrotas do outro, que foron aumentando ata se converteren en irreproducibles. Para entón, pasara máis dunha hora e eu aínda non conseguira arranxar os meus problemas. Por último, ás dúas da mañá, unha rapaza agradable embarcoume nun autobús camiño dun hotel en Madrid.

No hotel, máis escándalos, ao pretenderen facernos durmir de dous en dous. A min, por exemplo, asignábanme un portugués. Entón, un mozo alto e loiro proclamouse homosexual a berros dicindo que el non respondía dos seus actos se o metían nun dormitorio cun descoñecido. O caso foi que se arranxou o problema para os máis obstinados, eu entre eles. Logo, ás seis da mañá, o autobús que nos prometeran non apareceu e tiven que coller un taxi pola miña conta. En Barajas, cando xa embarcabamos, fixéronnos volver á terminal con dobre versión: avaría ou mal tempo en Vigo. Só faltaba que me perdesen as maletas. E perdéronmas, claro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de marzo de 1999.