La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista americana unha ampla reportaxe sobre George W. Bush, gobernador de Texas e candidato á presidencia dos Estados Unidos polo Partido Republicano. Non sae moi ben parado. Como estudante foi mediocre en todos os niveis, desde o instituto ata a universidade. Como deportista, unha das súas grandes afeccións, tampouco foi nada do outro mundo. Polo que respecta á cultura, non parece que sexa un home a quen lle preocupen demasiado os libros. Ademais, este señor de cincuenta e catro anos de idade carga sobre as súas costas con cen penas de morte executadas sen que exercese nunca a prerrogativa do perdón.

Non só iso, senón que ademais, cando foi executada Karla Faye, a pesar de que Bush asegurou que fora un dos momentos máis angustiosos da súa vida, cunha das súas fillas enfrontada con el, posteriormente, nunha entrevista na televisión, burlouse da executada, poñendo voz  chorosa e imitándoa ao dicir: “¡Non me matedes, por favor!”

Algo terá, sen embargo, este home para estar onde está, con moitas posibilidades de converterse no próximo presidente do seu país. Ten, en primeiro lugar, a súa familia: fillo dun presidente multimillonario, descendente directo doutro presidente, Franklin Pierce, e primo en decimoterceiro grao da raíña Isabel II de Inglaterra. Non é pouco. Conta tamén coa súa simpatía, polo menos iso é o que din as enquisas. E que, aínda que custe entendelo, non forma parte dos sectores radicais do seu propio partido, que o miran como se fose un perigoso liberal, o cal significa, nos Estados Unidos, ser de esquerdas. Nunha cousa coinciden todos os consultados: non é estúpido. Menos mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de marzo de 2000.