La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O mércores pola noite, coa cousa esa de que xogaba en Vigo a selección nacional de fútbol de Suecia, e como na casa son todos suecos menos eu, decidimos repartirnos: uns ao campo; o outro diante do televisor. De maneira que alá foron todos con bandeiras e gorras azuis cruzadas de amarelo a animar aos seus. Para facer vulto levaron dous ou tres reforzos: unhas rapazas e un rapaz de por aquí que aceptaron disfrazarse de nórdicos e que, polo visto, o fixeron moi ben, é dicir, que se comportaron discretamente, sen berrar.

Se digo a verdade, pasada media hora, co partido xa resolto, collín o coche e fun cear cuns amigos. Estivemos en Baredo, preto de Baiona, nun restaurante solitario, sen agobios, con todo o comedor para nós. De cando en vez, un dos camareiros dábanos as noticias dos goles. Confeso que me pareceron demasiados. Chegaban dous.

Onte pola mañá, a derrota estaba xa dentro da casa: unha gripe collida no campo que afectaba a un; a sensación de festa frustrada que sentía outro, non tanto por perder como polo feito de que, encaixado o primeiro gol aos dous minutos e o segundo pouco despois, non lle deu tempo nin sequera a pegar un berro de apoio. A máis afectada, non obstante, era a nai, que non entende nada de fútbol: non lle gustou escoitar na radio que os suecos tiñan unha selección “lamentable”. Con tal panorama, empecei a sentirme case un criminal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de marzo de 1998.