Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Samuel

23 de marzo de 2017 a las 0:15

O venres pola noite, mentres ía de cháchara con Marino Dónega camiño de Riazor, onde quedara citado cuns amigos para cear, paroume unha señora simpática para facerme un comentario moi amable sobre estas cousas que escribo aquí todos os días. Durante os breves instantes que durou o encontro, faloume de Suecia e dos cans e preguntoume polo gato Samuel, de quen me dixo que había tempo que non daba noticias. Expliqueille que se criaba ben, sen novidade, e que esa era a razón de que non falase del, pois pouco tería que contar.

Para compracer a esta señora, non obstante, direille hoxe que o gato Samuel, que pertence a unha desas razas con moito pelo, elegante e distinguido, tirando máis ben a gran señor, a pesar das aparencias non é nada clasista. Eu vexo que ten amigos de todos os estilos, incluso un gato medio tiñoso, de color branca, con pinta de delincuente, que o visita con frecuencia aquí no xardín e a quen eu non lle mando unha pedrada porque despois me daría moita vergonza.

Polo demais, Samuel é bo, educado e formal. Por exemplo, nunca sae de noite, aínda que non llo temos prohibido. Prefire estar na casa deitado nun sofá ou acochado entre as pernas dunha das cadelas, coa que se leva moi ben. Por poñerlle algún defecto, eu diría que me parece algo lambón, tanto que un día o descubrín aproveitando un prato de grelos que sobraran. Tamén lle gustan os xeados. Nisto parécese a min. En canto a cultura, pouco que dicir: ve algún documental de bichos na televisión e escoita a música que escoito eu. Teño a impresión de que lle gusta Vivaldi e que Bach non o entusiasma: queda durmido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de marzo de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario