Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Cálculos

22 de marzo de 2017 a las 0:22

Uns turistas ingleses contaron que nunha visita recente ás pirámides, feita en grupo e acompañados dunha guía, cando estaban de volta no Cairo, ao entrar no famoso Café Groppi, nas inmediacións da praza Ataba, durante media hora aproximadamente puideron falar de corrido en lingua árabe, sen que antes non soubesen unha soa palabra dese idioma. Todo empezou cando unha señora lle preguntou a un camareiro: “Es-saa-kam?”, que parece que significa “¿Que hora é?” Logo xa foi todo seguido. Nun primeiro momento, os compañeiros botáronse a rir, ata que descubriron asustados que a todos lles pasaba o mesmo.

Referidas a Exipto, noticias como esta non son raras. Hai anos díxose que nunha das pirámides aparecía e desaparecía un home espido. Dun tempo a esta parte, conforme se aproxima a fin do milenio, os prodixios e os misterios vanse multiplicando. As autoridades culturais daquel país reciben cada día solicitudes de todo o mundo para escavacións extravagantes, destinadas a resolver grandes enigmas.

Esta manía vén de vello. Na linguaxe dos exiptólogos existe incluso unha palabra, piramidiota, que se emprega para referirse a toda unha serie de individuos, algúns deles con grosos libros publicados, que sempre viron no complexo monumental de Giza a clave das grandes preguntas sobre o universo. Un destes personaxes, precisamente o que deu orixe a ese vocábulo infamante e divertido, Sir Charles Piazzi Smyth, chegou a predicir a final do mundo mediante unha complicada fórmula matemática baseada nas dimensións da pirámide de Keops. Seguro que non tiña razón, o cal non quere dicir que fose parvo. Soamente un pouco toliño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de marzo de 1998.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario