La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá a señorita do Ministerio de Exteriores que me veu recoller ao hotel para trasladarme ao aeroporto de Orly, mentres iamos de camiño preguntoume amablemente pola impresión que me causara o Salón do Libro. Sen necesidade de mentir por cortesía, díxenlle que me impresionara sobre todo a participación do público francés, tan interesado nos debates e as conferencias. Faleille tamén das colas enormes que se formaban diante das casetas onde había escritores firmando exemplares das súas obras.

Ela confesouse lectora voraz, pero sometida á tiranía dun traballo que non lle deixaba moito tempo para ese mester. Esa foi a razón, por exemplo, de que non puidese acudir ao Salón o día que máis lle apetecía, cando veu a escritora Doris Lessing, da que se confesaba admiradora e de quen tería moito gusto en posuír un autógrafo.

Polo que respecta ás mesas redondas dos españois, aseguroume que escoitara boas referencias, pero que non asistira a ningunha delas porque a organización non previra que o día dedicado a España coincidía coa voda de Sevilla. Anticipándose a un reproche que eu lle puidese facer, pero que non lle fixen, díxome que non tiña reparo en confesar que un  espectáculo como ese só se pode presenciar unhas poucas veces na vida e que conferencias de escritores hainas todos os días. Non me custou estar de acordo con ela.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de marzo de 1995.