La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día escoitei na radio a un deses individuos que se fartaron de dicir, incluso a través da publicación de libros, que coa chegada do ano 2000 ían ocorrer moitísimas catástrofes, incluída a fin do mundo. Non conseguín saber se era un home alucinado ou un golfo que fai negocios administrando parte da vida eterna. Este señor foi un dos moitos que prediciu o final do universo e de todo rastro de vida sobre a terra para o pasado día 3 de xaneiro. Naturalmente, non quixo aceptar o fracaso da súa profecía e, para xustificarse, reconverteuna  cun par de trucos de tipo esotérico, co argumento de que o 3 de xaneiro equivale ao 6 de abril.

Supoño que o 6 de abril acabará convertido despois nunha data posterior, aínda que non alcanzo a comprender a razón de poñer uns prazos tan curtos, pois a este paso, deseguida se lle vai acabar o negocio. A non ser que este consista precisamente en facer o que fai e que todo estea calculado. A golfería ten formas moi sutís de actuar.

En Londres, a principio dos anos setenta vin a un tipo esquelético, vestido de ovella, subindo nun banquiño de madeira, contando, reloxo en man, os cinco últimos minutos da vida do planeta. Eu agardei alí, admirando o espectáculo, máis que nada porque había tres ou catro persoas con el, tamén vestidas de ovellas, postas de xeonllos e rezando freneticamente. Cando xa pasaran varios minutos sen que a profecía se cumprise, empezou a chover con moita forza, unha bategada de auga que me obrigou a fuxir para refuxiarme na porta duns grandes almacéns. O mesmo fixeron os do títere, que permaneceron ao meu lado mentres non escampou. Polo que dicían, eran xente seria: estaban traballando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 2000.