La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación con esa ovella que atacou a un amigo meu en Ponferrada, e que a min tanto me sorprendeu, unha persoa que coñece ben a vida da aldea asegúrame que non se trata de ningún feito raro nin infrecuente, sobre todo cando están criando. Díxome tamén que todos os animais poden atacar nesas circunstancias e que el sabe de casos de xente que foi picada por paxariños, incluído un canario que mancou nunha orella ao seu propietario. Tamén oíu falar dun señor de Gudes que foi mordido por un coello.

Pode ser. A min, todo o que vaia máis alá de cans, vacas, porcos e semellantes, resúltame raro. Por outra parte, hai lendas. Na miña terra, cando eu era rapaz, falábase dun home que un día estaba durmindo nun prado e que unha cobra se lle meteu pola boca e que lle quedou enganchada no estómago, co rabo fóra.

De todas maneiras, supoño que levan razón os que din que todos os animais, mesmo os máis familiares e amigos, se poden volver violentos, polo menos nas circunstancias mencionadas. En todo caso, a conduta dos bichos, en xeral, non difire moito do comportamento dos humanos, que adoitan ser máis arbitrarios e máis violentos. Abonda con recordar ese señor do fútbol que vimos aínda hai poco na televisión, berrando e dando golpes. No seu caso non ten desculpas, pois é seguro que non está criando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de marzo de 1996.