La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos vinte houbo un incendio en Ourense no que os bombeiros tiveron que salvar do lume o dono da ca sa, que naquel momento estaba durmindo e corría o risco de morrer abrasado entre as sabas, sen decatarse. Cada vez que a miña avoa nos contaba o suceso, dicía que aquel home fora sacado por unha ventá en “estado inconveniente”, sen concretar máis, recondándonos despois a necesidade de permanecer sempre en presenza de Deus, mesmo cando se dorme, incluída a roupa que se emprega.

De neno, eu entendía o “estado inconveniente” como se a aquel señor do incendio o pillasen durmindo en porrancha, sen camisa nin pixama, aínda que xa de maior, moitas veces teño pensado se o pudor que utilizaba a miña avoa para referirse a aquela situación non escondería algo peor: cousa de puntillas, por exemplo.

Esta semana lin en The New Yorker a noticia de que na noite do terremoto de Los Angeles, os clientes dun hotel de luxo foron espertados e obrigados a abandonar os dormitorios tal como estaban. Concentrados no vestíbulo, había de todo, pero o que máis apuros pasou foi un home que ía vestido cun pixama dunha cor rosa brillante, eléctrica, con pernas anchas como saias. Talvez a Deus non lle importe demasiado a roupa que un poña para durmir, ao revés do que opinaba a miña avoa, pero ao citado señor máis lle valera pensar que si.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de marzo de 1994.