La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte referinme aquí a un amigo da infancia e ao seu avó, do que dixen que fora o maxistrado que condenou a José Antonio Primo de Rivera por tenencia ilícita de armas. Chamábase  Ramón Enríquez Cadórniga. O asunto da condena tróuxolle graves consecuencias, pois foi destituído da carreira xudicial por algún tempo, ademais de que estivo a punto de perder a vida. Salvoulla o avó doutros amigos meus, o capitán Piñel, que o foi buscar a Xinzo de Limia e trasladouno baixo a súa propia protección, armado cunha metralleta, ata Ourense, mentres o coche dos asasinos os seguían, igualmente armados, a moi pouca distancia, esperando unha oportunidade.

Este capitán Piñel morrería algúns anos máis tarde, vítima dos maquis. Eu funo ver de corpo presente. Foi un morto que me impresionou moito: ía vestido de uniforme, tiña un sable colocado entre as mans e levaba a bandeira cubríndolle as pernas. Por outro lado, na fronte, case no medio e medio, víaselle un buraco pequeno e negro, o orificio que lle fixo a bala que acabou coa súa vida. Era aínda novo.

A casualidade quere que un dos maquis que participou na acción onde morreu este capitán sexa tamén amigo meu, un antigo comunista que agora vive retirado en Sandiás, preto de Xinzo. Que ninguén pense que se trata dun individuo torvo ou malvado, porque se equivoca. Mais ben, todo o contrario: é un home bo, pacífico e querido por cantos o coñecen. Se del dependese, devolveríalle a vida a todos os mortos, incluídos os do seu corazón, empezando polo pai. A historia é sempre así: por un lado, están os canallas de alma ruín, que poñen o odio; polo outro, os protagonistas da traxedia, que poñen dolor, tanto o propio como o dos demais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de marzo de 1998.