La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa o teño contado. Hai uns anos apareceu por Xinzo de Limia un golfo que aseguraba estar en posesión de poderes especiais. Durante algún tempo conseguiu enganar algúns infelices, co cal empezou a medrar a súa fama, tanto que xa había viaxes organizadas para pasar consulta co desaprensivo. Curaba toda clase de enfermidades, mesmo tumores. A mala sorte quixo que se lle atravesase no camiño o meu amigo Camilo Deus, un home que estivo condenado a morte por razóns de tipo político.

Entusiasmado polo negocio, o curandeiro viu entrar a aquel nun bar e sen máis, ignorando a quen tiña enfronte, atreveuse a apuntalo cun dedo e dicirlle: “Vostede ten cancro”. Sen pensalo un segundo, Camilo baixoulle a través dun brazo o centenar longo de quilos que pesa e chimpou con el patas arriba. Alí acabou o invento.

Unha muller búlgara deste estilo, segundo contaba onte este periódico, díxolle o outro día a unha señora italiana durante un programa de televisión en directo que ía quedar viúva. Non esperaba que se armase o alboroto que se armou, de maneira que empezou a volverse atrás do que dixera, tratando de controlar a indignación da xente. Por último, aclarou que todo fora debido a un erro co italiano, idioma que non coñecía ben. Pode ser. Con todo, xa podía estudar a gramática. Por adiviñación resulta moi fácil.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de marzo de 1997.