La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pois resulta que a discusión sobre se os coellos beben ou non beben non eran só un capricho dos rapaces de Carballo dos que me falaron o outro día, senón que a cousa está bastante estendida por todas partes. Digo esto porque onte chamoume un amigo por teléfono para falarme do asunto. Exerce como profesor de instituto, pero procede do campo, e tal como me contou, na súa aldea, cando era neno, xa había esa polémica. En xeral, a maior parte da xente era da opinión de que os coellos beben, aínda que beben moi pouco, especialmente cando comen verde. En cambio, durante o inverno, ó comeren seco, a base de pensos, beben máis, tampouco demasiado.

O meu amigo contoume incluso a historia dunha familia, na parroquia onde el se criou de rapaz, que non lle daba de beber ós coellos, convencidos da teoría de que non necesitaban auga ou que non lles facía ben. Sen embargo, segundo se comentaba entre os veciños, cada vez que ós membros da familia lles paría unha coella, con frecuencia esta mataba a unha das crías para chucharlles o sangue. A explicación podería valer para as femias, pero non para os machos.

Hai moitas crenzas así. Cando eu era rapaz, un amigo da escola tiña na casa un coello que, polo visto, espantaba os ratos. Un día funo ver e pareceume máis pequeno do que eu imaxinaba, pero o pai do meu compañeiro díxome de malos modos que non era un coello, senón un porquiño da India. Chamoume a atención que aquel señor dixese unha cousa semellante e discutín con el, pero fíxome calar cando me dixo que viñera de América e que alí lles chamaban porcos e que lle daban ese nome porque cheiraban a brabú, e que era aquel cheiro forte o que espantaba os ratos. Díxenlle que sería mellor chamarlle gato. Entón díxome; «A el, gato; e a ti, mamón.»

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de marzo de2002.