La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falaba onte aquí dun escritor novel que o outro día, no congreso de Lisboa, dixo todo indignado que tiña unha cuestión de inimizade persoal co mar. En realidade, o problema tíñao cunha moza, da que dixo que se chamaba Carme e que no sitio do cerebro, en vez de materia gris, levaba unha landra, ou sexa, iso que en castelán se chama unha bellota. A rapaza, á cal cualificou de vaquiña lambona, con sensibilidade de cabra, só se sentía contenta diante dun bo prato de comida ou tombada coa barriga ao sol nunha praia.

Cada vez que o escritor lle propuña un día excitante, é dicir, unha xornada de excursión polo monte para ver pedras, visitar vellos mosteiros, entrar en igrexas románicas ou descubrir tumbas curiosas nos cemiterios, a rapaza torcía o bico e protestaba. A pesar de todo, as actividades programadas non se cancelaban.

Un verán, non obstante, Carme arrincoulle ao seu compañeiro a promesa duns días de praia. El, astutamente, elixiu Asturias, esperando que a chuvia o axudase, como sucedeu. De xeito que pasaron dúas semanas polos montes, dedicados a cultivar a sensibilidade cultural do señor poeta, que aínda así protestaba porque a moza, nos restaurantes, se atracaba a comer. Un monstro, dixo, e aclarou que despois daquilo, ela rompeu. Cando rematou a charla do escritor, en Lisboa, moitos asistentes pedíronlle o teléfono daquela muller.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de marzo de 1998.