Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Recordo dun pobre infeliz

5 de Marzo de 2017 a las 0:15

Onte pola mañá recibín a visita dun antigo compañeiro de escola ao cal non vía desde hai máis de vinte anos. Era tolo polo fútbol. Tiña tamén a afección das novelas do oeste, especialmente as que firmaba Marcial Lafuente Estefanía, de quen se consideraba un devoto admirador. Un día fómolo ver ao bar Orellas, en Ourense, na rúa da Paz, moi cerca da casa de Otero Pedrayo. El pediulle un autógrafo, que o novelista lle firmou nunha folla de libreta. Confesoume que aínda o garda, pero que xa non le aqueles libros.

Falamos dos amigos da infancia. De algúns, deume noticias; de moitos, xa non sabe nada. Recordando, preguntoume se lembraba un rapaz moi coitadiño a quen todo o mundo lle batía polo pracer de meterse con el, aínda que era grande, e que non se defendía nin sequera dos máis pequenos e que pasaba os recreos chorando.

Deume datos para avivecer a memoria: o nome, o aspecto físico, unha característica fonética que consistía en que o aludido prendía no erre, o cal nos valía de burla, e así moitos máis detalles que non me serviron para nada. Por último, díxome: “Si, home, un rapaz que tiña cara de cabalo”. Iso si, por aí empecei a recordar ata que todo estivo perfectamente claro na miña cabeza. Entón pensei no absurdo de que fose o parecido cun animal o recordo máis forte, non a marca de pobre infeliz que debía levar na cara.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 1997.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario