Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Unha dama inflamada

4 de Marzo de 2017 a las 0:14

Debeu ser no ano 1960, quizais un pouco antes; tanto ten. O caso é que a emisora parroquial da miña vila, que dirixía un cura, acordou recoller nunha gravadora o testemuño exemplar dunha señora manifestamente católica, non recordo ben por que motivo. Para cumprir con aquela misión alá fomos outro rapaz e mais eu, que faciamos unha parte non pequena dos programas, a rexistrar en cinta a voz da muller elixida. A min picábame a curiosidade por saber que nos ía dicir unha señora que probablemente debía ser algo santa.

A decepción foi grande. A cristiá púxose a pasear polo salón da casa cos ollos virados cara ao ceo e as mans xuntas, como se estivese rezando, e empezou a dicir que a inflamaba o Corazón  de Xesús. Díxoo con tal énfase, que aos dous rapaces nos deu esa risa regañada dos momentos inoportunos e pasamos un momento difícil.

Mentres a señora falaba, unha intensa color encarnada subíalle ata a face, que aumentaba cada vez que repetía o asunto da inflamación. Entón decateime de que sobre a mesa había unhas uvas preciosas nun froiteiro de cristal. A gula fíxome esquecer os fervores acendidos da dama colorada e pasoume pola cabeza a idea de lamber con disimulo unha daquelas uvas. Non me arrepinto. Unhas uvas, unha mazá, un pouco de queixo, un vaso de viño, por exemplo, son unha saída saudable cando a xente de arredor se inflama demasiado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de marzo de 1995.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario