La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como Joan Perucho é un home relixioso e practicante, de fe sinxela, o domingo que estivemos xuntos en Nova York dixo que quería ir á misa á catedral de San Patricio, na Quinta Avenida, que ademais celebraba o cardeal Joseph O’Connor. Decidín acompañalo. A primeira sorpresa foi ver o templo abarrotado de xente, incluídos mozos e mozas, que mantiñan un comportamento desenvolto e pouco dramático, como se asistisen a un acto alegre, nada angustioso. É dicir, o contrario do que eu vivín cando era neno.

A segunda sorpresa produciuse cando apareceu o cardeal en escena. Subiu as escaleiras do presbiterio, cara ao altar, a paso ximnástico, exactamente igual que fan os cantantes ou os actores nos escenarios, no instante en que se dispoñen a empezar o espectáculo. Xusto ao revés da rixidez solemne que se gasta por aquí.

Outra cousa que me sorprendeu foi o remate da homilía, pronunciada nun inglés coidadísimo, mesmo elegante. En canto o señor cardeal dixo a última palabra, escoitouse un aplauso enorme, como se estivésemos nun coliseo ou nun auditorio. Pasados os primeiros segundos de sorpresa, eu tamén me puxen a aplaudir, máis que nada por ter a experiencia de facelo dentro dunha catedral, un acto que eu consideraría sacrílego nos meus anos devotos. O caso é que saín de alí contento e divertido, que non é pouco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de marzo de 1996.