La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde vin en Ourense un home que quería matar a outro. Ou polo menos iso era o que dicía. Saía eu do meu coche para visitar uns amigos, cando me atopei cunha disputa no medio da rúa. O que lanzaba as ameazas era un individuo alto e forte, aínda novo, mal afeitado, coas veas do pescozo violentamente infladas pola carraxe. O ameazado parecía dez ou quince anos máis vello, calvo e gordecho, pacífico e con cara de estar moi asustado, acorazado dentro do auto, coa ventaíña a medio baixar por se acaso.

Non asistín á orixe exacta do conflito, pero non era difícil adiviñar que se trataba dunha parvada relacionada co tráfico, como tantas. Pareceume entender que o tipo que facía de matón estaba indignado porque o outro lle tocara a bucina. Algo así. Fose o que fose, o caso é que o alboroto foi longo e ruidoso, con escándalo.

As ameazas de morte, proferidas a berros e con xestos desmesurados e dramáticos, ían acompañadas de insultos. Xa se sabe: subnormal, cretino, imbécil, mamón e covarde… Conforme quedaba claro que o do coche sentía un medo cada vez máis visible diante da irritación do bruto, este excitábase máis e máis, ata o punto de acabar facendo e dicindo cousas moi grotescas. Tanto, que me deu a risa. Nese momento, descubriume e miroume cunha mirada profunda de odio. Marchei antes de que me quixese matar tamén a min.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de febreiro de 1994.