La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tiven un amigo na adolescencia que se chamaba Cardesí e estaba tan farto de que todo o mundo se rise del que empezou a chamarse Carlos. Desde entón, a min quedoume o gusto polos nomes normais, como Manuela, Antonio ou Francisco, ó contrario da moda actual, que consiste en bautizar ós nenos con nomes raros. Non é un costume nin novo nin extravagante. Cando os romanos chegaron á península Ibérica, os pais non tardaron en adoptar os nomes dos invasores, moitos dos cales aínda perviven nos nosos días. Tenden a desaparecer, ou a mesturarse mais ben, como empeza a pasar coas moedas do euro. Xa hai algún Jimmy por acá e algún Paco por alá.
A pesar de todo, eu teño fillos con nomes raros. A cousa ten a súa explicación. Cando os meus sogros estiveron aquí por primeira vez, quedaron bastante sorprendidos de que a xente lles cambiase o nome, de maneira que Karin acabou sendo Karina e Jonas (léase Yunas) pasou a ser Jonás. Expliqueille que era un costume hispano, este de traducilos. Vémolo agora con Johann, ese deportista alemán nacionalizado español, a quen lle chaman Juanito.
Os meus sogros decidiron bautizar os seus netos de xeito inequívoco e contundente, con nombes sen traducción posible, para evitar que se chamasen de maneira distinta cada vez que tivesen que atravesar unha fronteira. Nunca entendín esta teima tan nosa de que a un señor que se chama Lars, por exemplo, lle queiran chamar Lourenzo ou que a unha Giuliana a rebauticen como Xuliana. Supoño que algunha relación debe haber entre este feito e a dificultade tan española de non falar máis idioma que o propio. Agora din que van tratar de que os rapaces empecen a estudiar inglés á idade de seis anos. O problema non é cando empezan, senón cómo acaban.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de febreiro de 2002.