La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A decisión que acaba de tomar o presidente Clinton de reducir de xeito significativo os gastos de defensa, parece contradicir a idea, tan querida por amplos sectores da esquerda mundial, de que quen en realidade manda nos Estados Unidos é a mastodóntica industria militar, un conxunto anónimo de intereses tan poderosos que convertería o primeiro mandatario daquel país nun pobre títere burdamente manexado por fíos invisibles. Digamos, polo menos, para non sermos categóricos, que esa idea non resulta agora tan clara.

Para moitas persoas, non obstante, aceptar esta última posibilidade convértese nun auténtico drama intelectual, pois significa abandonar vellos hábitos mentais, solidamente establecidos e difíciles de cambiar. De aí que algunhas delas prefiran afundirse aínda un pouco máis na escuridade da caverna onde habitan, convencidas de que a luz que vén de fóra é máis que unha trampa ou un engano.

Son as vítimas diso que eu teño chamado o pensamento preguizoso, unha forma de discorrer cómoda, mentalmente indolente, incapaz de facer o esforzo que demanda a realidade cando a queremos entender. É unha maneira de pensar que permite aclarar calquera problema polo procedemento sinxelo de aplicarlle un esquema universal, que o mesmo vale para dar conta do prezo das patacas no século XVIII que para explicar unha crise de goberno. Unha estupidez, se non contase coa axuda temible da vontade e a soberbia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de febreiro de 1993.