La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de días, cando ía de paseo por diante do convento dos padres Franciscanos Portugueses, aquí ao lado da miña casa, un crego que estaba falando cuns nenos no adro da igrexa e ao cal non coñecía de nada, saudoume moi cortés. Detívenme para responderlle, porque no saúdo del adiviñei que ía implícita unha invitación a que parase un momento, como se pretendese dicirme algo. Quería presentarse e loxicamente eu tamén me presentei. O caso foi que acabou dicíndome se me podía acompañar no paseo que supuña estaba dando. De maneira que alá fomos os dous, durante un par de quilómetros, falando e falando sen parar.

En xeral, os curas son bos conversadores e este non era unha excepción. Deseguida atopamos intereses en común, como a música. Confesoume que é un apaixonado de Bach, a pesar do cal e tendo máis de sesenta anos de idade, non dispuxo dun equipo reprodutor de música ata hai pouco, concretamente ata a última festa de Reis. Alma de Deus! Polo demais, este home estivo nas misións en América durante anos e coñece moi ben Perú. Pregunteille e faloume da súa experiencia.

De todo canto me contou, chamoume a atención a enormidade das distancias e as dificultades para percorrelas. Por exemplo, por cumprir coas súas obrigas relixiosas, con frecuencia tiña que andar a cabalo catorce horas seguidas polo monte, unha parte delas cabalgando a unha altura de catro mil metros, expoñéndose ao soroche, que pode ser mortal e que resulta fatigante pola falta de osíxeno, cando os músculos se volven como de goma. Escoitando estas cousas, pensei que o home, se non é un tolo, ten que ser un santo. E tolo non mo pareceu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de febreiro de 2000.