La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era rapaz, nos sermóns e nos exercicios espirituais citábase moito o escritor italiano Giovanni Papini. Unha vez, escoiteille dicir a un cura que este home, na súa casa de Florencia, tiña unha pequena estatua do demo na  biblioteca, coa cal discutía en voz alta, coma se fose xente, e que ás veces arrebolaba con ela contra a parede, dicíndolle insultos, e que un día lle chamou “cabrón” e a estatua desapareceu. Don Vicente Risco, que igual que Papini escribira un libro sobre o Demo, cría nesa historia, pois estaba convencido de que Satanás andaba solto polo mundo. Mesmo tiña a seguridade absoluta de que nunha ocasión se metera con el.

A min, Papini nunca me gustou demasiado, sobre todo polo dramatismo e a paixón con que escribe, pois prefiro os escritores serenos, incluso os arbitrarios, antes que eses outros que utilizan o látego ou que pelexan coa humanidade enteira, á cal consideran un montón de lixo. Non obstante, como persoa, Papini resúltame atractivo. O ser humano, no seu caso, era superior ao home de letras.

Digo isto porque pasou os últimos anos da súa vida practicamente privado de todos os sentidos, é dicir, cego e xordo, pero coa cabeza intacta e escribindo sen descanso. Só por iso merece respecto e admiración. Non merece tanto, en cambio, porque dixera aquilo de que a igualdade dos homes é unha ilusión, pois uns nacen máis listos que outros ou máis altos e outros nacen cegos, enfermos ou tolleitos. Lin esa frase onte pola tarde, por casualidade. Naturalmente, sería estúpido negar a evidencia. O que ocorre é que esa porcaría que anda de pé, que somos a xente, inventou unha cousa xenial: a lei, para que listos e parvos sexamos iguais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de febreiro de 1999.