La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, escoiteille a un amigo algunhas historias relacionadas con anarquistas, que sabía moitas. Eu, pola contra, non lle puiden ofrecer case nada, porque sei moi poucas. En realidade, só tratei a un daqueles homes, o Epifanio de Sabucedo, coñecido tamén polo Seisdedos, a quen lle queimaron a casa porque dicían que escondía dentro dela, nun soto construído debaixo da cociña, os atracadores, que era o nome que na miña terra lles daban aos que noutros sitios chamaban os fuxidos e que máis tarde tamén se chamaron os maquis. Era certo que estaban alí, como me confirmou anos despois un deles, Camilo Dios.

O periodista Landeira Yrago, que sabía moitas historias compostelás, faloume varias veces dun anarquista que había en Santiago antes da guerra e que desfacía as procesións cun bote de pementos morróns, non polo bote en si, senón porque lles facía crer aos devotos e ás devotas que se trataba dunha bomba de man. Naturalmente, matárono.

Das cousas que me contou o amigo do outro día, quedoume especialmente gravada a historia dun anarquista, non recordo se aragonés ou valenciano, que acudía todos os días ás reunións do grupo no cal estaba encadrado, cunha bomba, pero esta de verdade, non como o bote de pementos do seu correlixionario galego. Un día, alguén con sentido común díxolle que alí, por votación, non estaban pola violencia, de xeito que era mellor que deixase aquel artefacto perigoso na casa. O aludido, todo cheo de razón respondeulle: “Prefiro traela comigo e tela disposta xa para o día que se aprobe por maioría facer algún atentado”. Oxalá que aquel toliño non correse a sorte do compostelán.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 2000.